Programa Electoral 2019

0 Portada Programa Electoral0 PROGRAMA ELECTORAL 2019

Programa electoral de Betanzos Novo

Eleccións municipais

Maio de 2019

112 MEDIDAS PARA

CAMBIAR O MODELO DE CIDADE

E PROMOVER O BEN COMÚN

1/ BETANZOS: CIDADE ABERTA E TRANSPARENTE.

  1. Web municipal de transparencia.

Publicar no portal web municipal toda a información relevante nas seguintes materias: xurídica (regulamentos e ordenanzas, sentenzas xudiciais); económica (orzamentos de ingresos e gastos, contas públicas, gastos de festas e eventos, subvencións); ambiental (planeamento urbanístico, calidade das augas, emisións, sancións); institucional (organigrama, actas dos órganos de goberno, retribucións dos cargos públicos); servizos públicos (convenios con entidades públicas e privadas, concesións de servizos públicos, identificación dos responsables de controlar as concesións); planificación (plans e programas de actuación).

  1. Auditorías

Impulsar auditorías das principais concesións administrativas de xestión de servizos públicos (Complejo San Roque, Servizo de Axuda no Fogar, Fundación Globo de San Roque, Servizo de Abastecemento de Auga).

  1. Plenos transparentes

Retransmitir en directo pola radio municipal as sesións do Pleno da Corporación.

  1. Debate político

Celebrar anualmente un Pleno dedicado ao debate político sobre a xestión do goberno municipal.

2/ BETANZOS: CIDADE DIALOGANTE E PARTICIPATIVA.

  1. Autonomía municipal

Reclamar ao Estado e á Xunta de Galicia as reformas lexislativas necesarias para garantir a autonomía municipal, ampliar as competencias municipais, garantir a financiación suficiente e posibilitar a remunicipalización de servizos públicos.

  1. Participación directa.

Impulsar o diálogo público e a participación directa das veciñas e os colectivos sociais na toma de decisións sobre os asuntos máis relevantes:

  • iniciativas cidadás para promover actuacións de interese xeral de competencia municipal,

  • talleres de debate público para buscar ideas creativas e innovadoras e valorar propostas concretas para determinadas actuacións municipais,

  • asembleas cidadás nos barrios e parroquias, para facilitar información e debater propostas sobre unha determinada actuación municipal,

  • consultas populares,

  • consellos de participación cidadá,

  • e outras fórmulas de debate público e participación cidadá.

  1. Orzamentos participativos

Impulsar os Orzamentos Participativos como forma de participación directa da cidadanía na xestión do municipio, mediante a que todas as veciñas participan na elaboración dos orzamentos propoñendo e decidindo sobre o destino dunha parte dos recursos municipais.

  1. Radio municipal

Reabrir a emisora de radio municipal facilitando a participación cidadá e dos colectivos sociais, o diálogo aberto e a pluralidade de ideas.

  1. Centros cívicos

Elaborar un plan de usos comunitarios e de xestión participativa para os edificios municipais de usos polivalentes como son o Antigo Matadoiro da Ribeira, o Convento de Donas rehabilitado e outros.

  1. Voluntariado

Favorecer o voluntariado social como forma de participación en beneficio da comunidade, tendo en conta o tecido asociativo existente en Betanzos.

3/ BETANZOS: CAPITAL COMARCAL E NÚCLEO DE CENTRALIDADE DA ÁREA METROPOLITANA.

  1. Colaboración comarcal

Impulsar a colaboración cos concellos da comarca e da área metropolitana para xestionar en común os servizos públicos de interese supramunicipal, como son o transporte público, a xestión de residuos urbanos, a promoción do turismo sostible e outros.

  1. Tren de proximidade

Reclamar ao Estado e á Xunta de Galicia a mellora das infraestruturas ferroviarias, a reapertura das estacións de tren e a posta en funcionamento do servizo ferroviario de proximidade entre as cidades de Betanzos e A Coruña e de Betanzos e Ferrol, con horarios e frecuencias axeitados ás necesidades da poboación.

  1. Rexeneración da Ría de Betanzos

Reclamar ao Estado e á Xunta de Galicia a rexeneración integral da Ría de Betanzos, a súa mellora ambiental e paisaxística e a calidade das augas.

  1. Área metropolitana

Apoiar a creación da Área Metropolitana e o papel de núcleo urbano central de Betanzos dentro da área.

  1. Un concello de 20.000 habitantes

Promover a fusión do municipio de Betanzos cos municipios de Paderne, Bergondo e Coirós.

  1. Axenda urbana

Impulsar a elaboración da Axenda Urbana de Betanzos coa finalidade de reducir as desigualdades, impulsar a economía local, contribuír á igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, mellorar a saúde humana e o benestar, fomentar a resiliencia e protexer o medio ambiente e a biodiversidade.

4/ BETANZOS: CIDADE HISTÓRICA E DE REXENERACIÓN URBANA.

  1. Plan xeral de ordenación municipal

Impulsar o Plan xeral de ordenación municipal para establecer un novo modelo urbanístico baseado na rexeneración integral da cidade e dos núcleos rurais, a rehabilitación do patrimonio construído, a previsión de solo urbanizado suficiente para atender as necesidades da poboación e das actividades económicas, a resolución do déficit de zonas verdes públicas, a mobilidade sustentable e a adaptación ao cambio climático e a transición enerxética.

  1. Dinamización do Casco Histórica

Impulsar un Plan de dinamización do Casco Histórico con medidas para mellorar as condicións de vida das persoas residentes, conservar os valores do patrimonio construído, rehabilitar as vivendas mellorando as súas condicións de accesibilidade, habitabilidade, seguridade e eficiencia enerxética, humanizar e mellorar a calidade dos espazos públicos e a mobilidade, impulsar a dinamización económica, fomentar a cohesión social e mellorar a calidade ambiental e paisaxística.

  1. Dereito á vivenda

Impulsar un programa de adquisición e rehabilitación de vivendas no Casco Histórico para seren destinadas ao aluguer, ao dereito de superficie ou outras formas de acceso con prezo limitado.

  1. Dereito á vivenda

Ampliar as reservas de solo destinado a vivenda de protección pública superando os estándares mínimos fixados na lexislación urbanística.

  1. Preservar a cidade existente

Preservar a trama urbana existente, a tipoloxía edificatoria característica e os elementos que conforman a memoria e a identidade da cidade e dos núcleos rurais.

  1. Oficina de Rehabilitación

Reformar a Oficina Municipal de Rehabilitación para impulsar as actuacións de rehabilitación de edificacións no Casco Histórico.

  1. Plan especial do Casco Histórico

Elaborar un novo Plan especial de protección e reforma interior do Casco Histórico e revisar o catálogo de inmobles obxecto de protección, facilitando a rehabilitación e posta en valor dos edificios existentes.

  1. Humanización de rúas e prazas

Impulsar un programa de mellora da calidade e humanización dos espazos públicos (rúas e prazas), xerando espazos públicos seguros, saudables, confortables e adecuados para a convivencia libre da cidadanía.

  1. Edificios do Estado abandonados

Requirir á Administración do Estado, en canto titular de edificacións abandonadas ou en mal estado de conservación, o cumprimento dos seus deberes de conservación das condicións de seguridade, accesibilidade e funcionalidade e, no caso de incumprimento, adoptar as medidas legalmente previstas para a execución forzosa.

  1. Impedir a privatizacións de edificios públicos

Impedir a privatización de inmobles de titularidade pública (antigo asilo Manuel Naveira, equipamentos do plan parcial do Pasatempo, edificio de Correos, e outros)

  1. Edificios abandonados

Aplicar un recargo no IBI para os inmobles abandonados que se declaren en estado ruinoso.

  1. Reordenación do Pasatempo

Reordenar os terreos do Pasatempo-Carregal con criterios de adaptación ao cambio climático, de ampliación dos espazos destinados a dotacións públicas e de protección do Parque do Pasatempo.

  1. B.I.C. do Pasatempo

Reclamar á Xunta de Galicia a declaración de Ben de Interese Cultural do Parque histórico do Pasatempo.

  1. Restauración do Pasatempo

Impulsar a restauración integral do Pasatempo en colaboración coa Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

  1. Xestión do Pasatempo

Elaborar un plan director de usos e xestión integral do Pasatempo, en colaboración coa Universidade, a Asociación de Amigos do Pasatempo, os centros escolares e outras entidades e colectivos sociais.

  1. Fábrica da Luz

Adquirir e rehabilitar a antiga fábrica de electricidade da Ponte Nova (catalogada) para ser destinada a equipamento público (centro cívico).

  1. Antigo convento de Donas

Rehabilitar o edificio do antigo convento de Donas e destinalo a equipamento público (centro cívico).

  1. Conservación do patrimonio municipal

Impulsar un Programa de conservación e mantemento de fontes, lavadoiros, cruceiros, pontes, muíños e outros elementos do patrimonio construído municipal.

  1. Casa Gótica

Executar a reconstrución da Casa Gótica.

5/ BETANZOS: CIDADE ACCESIBLE.

  1. Mobilidade sustentable

Impulsar un Plan de mobilidade urbana sustentable que priorice o uso do espazo público como lugar de convivencia para as persoas, que promocione o transporte público e os medios non motorizados, a pacificación xeral do tráfico e a accesibilidade dos espazos públicos para as persoas con diversidade funcional.

  1. Itinerarios peonís e ciclables

Crear unha rede de itinerarios seguros para os desprazamentos a pé ou en bicicleta desde os distintos barrios da cidade ata os centros docentes, os equipamentos deportivos e o centro de saúde.

  1. Aparcamentos disuasorios

Formalizar as áreas de estacionamento disuasorio na zona do Carregal e nas proximidades do parque Pablo Iglesias.

  1. Retirada de vehículos mal estacionados

Retirar os vehículos mal estacionados que supoñan un risco para o resto dos usuarios da vía ou que obstaculicen a circulación ou o paso de persoas ou de vehículos.

  1. Peonalización do Casco Histórico

Reducir a presenza de automóbiles no Casco Histórico, humanizar os espazos públicos, peonalizar determinadas rúas e prazas, prever aparcamentos para os residentes e restrinxir o acceso de vehículos ao Casco Histórico.

  1. Ascensor

Facer accesible para todas as persoas o aparcamento soterrado na praza do Campo, mediante a instalación dun ascensor.

  1. Seguridade viaria

Reclamar ao Ministerio de Fomento a mellora da seguridade viaria e da calidade ambiental dos tramos urbanos das estradas estatais, en particular, nas rúas do Valdoncel, A Ribeira e avda. de Castela.

6/ BETANZOS: CIDADE DOS RÍOS.

  1. Infraestruturas de auga potable

Reclamar á Xunta de Galicia a renovación urxente da estación de tratamento de auga potable, a construción de novos depósitos reguladores e a substitución do sistema de bombeo, dando cumprimento ao Convenio de Colaboración asinado en 2016.

  1. Eliminación de vertidos

Impulsar un programa de actuacións para eliminar os vertidos incontrolados de augas residuais e industriais e para renovar as redes de saneamento obsoletas.

  1. Depuradora

Reclamar á Xunta de Galicia a renovación da estación depuradora de augas residuais.

  1. Uso público do borde litoral

Reclamar ao Estado a recuperación e apertura ao uso público da servidume de tránsito do dominio público marítimo-terrestre en toda a franxa litoral do termo municipal.

  1. Uso público das ribeiras dos ríos

Reclamar á Xunta de Galicia a recuperación e apertura para o uso público das zonas de servidume nas ribeiras dos ríos Mendo e Mandeo.

  1. Remunicipalización da auga

Procurar a remunicipalización do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento.

  1. Sendeiro aos Caneiros

Executar o proxecto de sendeiro verde aos Caneiros, consensuado coas entidades e colectivos ecoloxistas e coa financiación prometida pola Deputación Provincial.

  1. Zonas inundables non urbanizadas

Excluír do desenvolvemento urbanístico os terreos que aínda non foron urbanizados e están situados en zonas de alto risco de inundación.

  1. Conservación das instalacións portuarias

Reclamar á Xunta de Galicia a execución das obras necesarias para a adecuada conservación e mantemento das instalacións portuarias de Betanzos, así como corrixir a rampla de acceso para facilitar a entrada e saída das embarcacións ao río.

  1. Embarcacións abandonadas

Retirar da auga as embarcacións en estado de abandono ou afundidas.

  1. Varadoiro

Crear un espazo de varada ou amarre en seco para as embarcacións, garantindo o mínimo impacto ambiental e paisaxístico.

7/ BETANZOS: CIDADE RESILIENTE, ADAPTADA AO CAMBIO CLIMÁTICO E A TRANSICIÓN ENERXÉTICA.

  1. Infraestrutura verde

Crear unha rede de infraestruturas verdes que garantan a biodiversidade, aumentando as superficies destinadas a zonas verdes conectadas cos espazos rurais e naturais e creando corredores ecolóxicos nas ribeiras dos ríos.

  1. Limpeza de espazos públicos

Realizar unha auditoría dos servizos de limpeza de espazos públicos e adoptar as medidas necesarias para o mantemento e limpeza adecuados das rúas, prazas e espazos públicos e a conservación do mobiliario urbano.

  1. Reducir, reciclar e reutilizar

Fomentar a redución de residuos e favorecer a súa reciclaxe. Mellorar o servizo de recollida de lixo.

  1. Biodiversidade

Impulsar un programa de mellora da biodiversidade e aumentar as zonas arboradas do municipio para mellorar a capacidade de retención de CO2.

  1. Eliminar especies invasoras

Procurar a eliminación de especies invasoras no termo municipal.

  1. Eficiencia enerxética

Impulsar un programa de mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos.

  1. Limpeza de parcelas

Ordenar aos propietarios a execución dos traballos de limpeza de parcelas próximas ás vivendas para garantir a salubridade e evitar o risco de incendios.

  1. Redución de ruídos

Impulsar un Plan de acción para reducir a emisión de ruídos e vibracións na cidade.

  1. Calidade do aire

Impulsar a mellora da calidade do aire e aprobar unha Ordenanza municipal de protección contra as emisións a atmosfera e a contaminación do aire.

  1. Coidado dos animais

Aprobar unha Ordenanza municipal de protección animal e convivencia. Prohibir o uso de animais para exhibición en espectáculos.

  1. Inspección ambiental

Crear unha unidade da Policía Local especializada encargada da inspección ambiental e urbanística no termo municipal.

8/ BETANZOS: CIDADE FEMINISTA.

  1. Conciliación

Fomentar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

  1. Empoderamento

Promover o empoderamento e a participación activa das mulleres no eido político, cultural, social e económico de Betanzos.

  1. Combater a violencia machista

Previr e combater a violencia machista, en todas as súas formas, e proporcionar apoio integral ás vítimas da violencia machista.

  1. Servizo municipal de Igualdade

Crear un Servizo municipal de Igualdade de Xénero e Diversidade Sexual.

9/ BETANZOS: CIDADE COMPROMETIDA CO COIDADO DAS PERSOAS.

  1. Plan Integral de Coidados

Impulsar un Plan Integral de Coidados que abordará a situación das persoas con diversidade funcional e/ou en situación de dependencia.

  1. Centro de Día

Reclamar ao Estado a cesión do edificio do antigo ambulatorio de Betanzos para rehabilitalo e destinalo a Centro de Día para o coidado das persoas maiores.

  1. Saúde para todas

Reclamar á Xunta a mellora do Centro de Saúde, a ampliación das especialidades e a dotación de persoal sanitario suficiente para atender as necesidades da xente.

  1. Axuda no fogar

Garantir a continuidade e calidade da prestación do servizo público de axuda no fogar e procurar a remunicipalización deste servizo.

  1. Becas para estudantes

Incrementar as becas e axudas para estudantes universitarios e non universitarios, en función do nivel de renda familiar.

  1. Aumento do gasto social

Aumentar o gasto destinado a políticas sociais, especialmente as dirixidas ás persoas en risco de exclusión social.

10/ BETANZOS: CIDADE XERADORA DE EMPREGO.

  1. Plan de emprego

Elaborar un Plan de acción para promover o emprego, especialmente nos sectores da rehabilitación, a cultura, a conservación da natureza, a economía circular e os servizos públicos de calidade, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos e cos principais axentes sociais e económicos da cidade.

  1. Banco de locais comerciais

Crear un banco municipal de locais de negocio destinado a facilitar o emprendemento de novas iniciativas de actividades económicas ou profesionais.

  1. Economía circular

Fomentar a economía circular e o comercio de proximidade. Potenciar estratexias colaborativas entre as comerciantes.

  1. Marca de calidade

Impulsar a creación dun selo ou marca de calidade para promocionar os bens e servizos producidos en Betanzos e na comarca (viño, horta, gastronomía, artesanía, hostalería, etc.).

  1. Viveiro de empresas

Acondicionar edificios municipais para promover o emprendemento e a innovación -viveiro de empresas-.

  1. Empresa pública

Crear unha empresa pública destinada a xestionar a rehabilitación do Casco Histórico e a promoción da vivenda pública.

  1. Turismo sostible

Impulsar o turismo sostible vinculado ao patrimonio cultural, a natureza, a historia, a cultura e os produtos da comarca. Potenciar o Camiño Inglés.

  1. Reforma da Oficina de Turismo

Reformar a Oficina de Turismo para que sexa un instrumento de dinamización do turismo, de promoción de paquetes turísticos integrais e ampliar o seu horario de atención ao público.

  1. Infraestruturas dixitais

Completar as redes e infraestruturas dixitais para garantir o acceso a todas as veciñas.

  1. Renovar a Feira Medieval

Renovar a Feira Franca Medieval incorporando novas recreacións da historia de Betanzos; renovando a programación de actividades; dando maior presenza aos artesáns e produtores da comarca e ás entidades sociais de Betanzos; ampliando a máis rúas e mellorando a ambientación e o mobiliario para adaptarse mellor á época medieval.

  1. Renovar as festas

Renovar a programación cultural, deportiva e de ocio nas Festas de Betanzos e descentralizar parte dos eventos nos barrios, contando coa implicación das veciñas, dos colectivos sociais e dos comerciantes e hostaleiros.

  1. Mercado municipal

Rehabilitar e potenciar o mercado de abastos no Casco Histórico, ampliar o seu horario de apertura e combinar postos de venda de produtos frescos da comarca e de gastronomía, ademais de ofrecer actividades culturais e de ocio.

  1. Feiras e mercados tradicionais

Mellorar os espazos públicos para feiras e mercados tradicionais na cidade.

  1. Solo industrial

Ampliar a superficie de solo industrial para facilitar a localización de novas actividades económicas sostibles.

  1. Superficie agraria útil

Ampliar a superficie de solo rústico de protección agropecuaria para ser destinado a viñedos e a produción hortícola.

11/ BETANZOS: CIDADE CULTURAL.

  1. Universidade Popular

Impulsar a creación da Universidade Popular, en colaboración coa Universidade da Coruña, a comunidade escolar e as entidades e colectivos culturais e artísticos da comarca, coa finalidade de enriquecer e ampliar as actividades vinculadas á educación non formal e continua, transmitindo a importancia desta como elemento de transformación social e fomentar o coñecemento da historia, da natureza e da cultura de Betanzos e a súa comarca.

  1. Centro de Interpretación do Medievo

Promover a creación dun Centro de Interpretación do Medievo, que poña en valor o noso patrimonio histórico e sexa o centro de referencia sobre esta época da historia de Galiza.

  1. Ensino público de calidade

Defender o ensino público e de calidade e apoiar á comunidade escolar nas súas reclamacións para mellorar e renovar as instalacións dos centros de ensino.

  1. Programa educativo

Impulsar un programa educativo, en colaboración cos centros de ensino, para dar a coñecer o patrimonio natural, histórico, cultural e artístico de Betanzos e a súa comarca.

  1. Reforma dos centros de ensino

Reclamar á Xunta de Galicia a reforma das instalacións deterioradas dos nosos centros de ensino público: o CEIP Vales Villamarín, parcialmente reformado, o IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar, este último o máis deteriorado, e construír un novo aulario en substitución das chamadas “porquerizas”.

  1. Actividades extraescolares

Asinar un convenio de colaboración co CEIP Vales Villamarín para organizar e financiar as actividades extraescolares co fin de promover o deporte saudable, a igualdade de mulleres e homes e a conciliación da vida laboral e familiar.

  1. Nova programación cultural

Renovar a programación cultural municipal, poñendo en valor a historia e a cultura da nosa cidade e apoiando a produción cultural e artística de Betanzos e a súa comarca.

  1. Conservatorio de música

Promover a implantación dos estudos de grao medio no Conservatorio Municipal de Música.

  1. Difusión da historia de Betanzos

Fomentar a investigación e difusión da historia de Betanzos.

  1. Museo das Mariñas

Reformar e poñer en valor o Museo das Mariñas, mellorando as súas instalacións, os seus fondos e o seu programa de actividades.

  1. Sala de estudo

Abrir unha sala de estudo con instalacións e horario adecuados ás necesidades dos estudantes.

  1. Fundación C.I.E.C.

Participar activamente no padroado da Fundación CIEC, garantir a conservación e posta en valor do inmoble e da colección de obras artísticas que acolle, e a continuidade e renovación da súa actividade de formación.

  1. Normalización da lingua

Impulsar a normalización e o uso da lingua galega.

  1. Plan estratéxico do deporte

Elaborar un Plan estratéxico do deporte para mellorar a saúde individual e colectiva da poboación, contribuír á mellora do proceso educativo, fomentar a incorporación da muller ao deporte e planificar a conservación e utilización da rede de instalacións deportivas que posibilite a práctica da actividade deportiva para todas.

12/ BETANZOS: CIDADE DA REFORMA E MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN.

  1. Novos empregados públicos

Reclamar ao Goberno de España que impulse a reforma lexislativa para que os concellos podan incorporar novos empregados públicos que resulten necesarios para prestar ás veciñas uns servizos públicos de calidade.

  1. Remunicipalización dos servizos públicos

Impulsar a remunipalización dos servizos públicos e, no caso de que non sexa viable, recuperar o control público dos servizos xestionados en réxime de concesión para garantir a súa calidade.

  1. Reforma administrativa

Reformar a Administración pública para unha xestión máis racional, eficaz, imparcial e transparente, poñendo fin ao clientelismo.

  1. Relación de Postos de Traballo

Aprobar a Relación de Postos de Traballo e o organigrama da Administración municipal, no que se inclúan todos os empregados públicos. Rexeitar a proposta de RPT elaborada polo goberno municipal.

  1. Consolidación

Convocar un proceso de consolidación para o persoal laboral existente no Concello.

  1. Plan estratéxico de subvencións

Elaborar un plan estratéxico de subvencións municipais que determine a conexión entre os obxectivos e os efectos que se pretenden conseguir, os custes previsibles e as súas fontes de financiación, así como garantir a obxectividade e imparcialidade das subvencións nominativas.

  1. Extinción da concesión

Extinguir o contrato de concesión para o estacionamento soterrado e museo-degustación na rúa Rosalía de Castro (Complexo San Roque), por incumprimento das condicións da concesión.

  1. Reforma fiscal

Impulsar unha reforma dos tributos municipais con criterios de xustiza e progresividade, considerando a capacidade económica de cada contribuínte.

  1. Institucións laicas

Respectar a liberdade relixiosa e a laicidade das institucións públicas.2019-05 ROLL UP GRANDE