Mareas en Común: Proceso Constituínte, Betanzos Novo está aí.

As Mareas En Común acordan poñer en marcha un momento constituínte que impulse a confluencia das forzas do cambio nas autonómicas

Ese momento constituínte servirá para abrir o proceso á cidadanía e a outros axentes sociais e políticos, e decidir cuestións coma a fórmula para celebrar primarias, o modelo organizativo e o código ético dos
cargos electos. Na xuntanza celebrada en Marín, máis de 40 plataformas municipalistas representadas por unhas 150 persoas, aprobaron tamén os principios básicos que guiarán o proceso e unha organización interna baseada na participación individua.

Betanzos Novo participou xunto con unhas 150 persoas de 43 candidaturas municipalistas de toda Galicia en Marín o pasado 9 de abril en Marín, na Casa da Cultura de Santo Tomé de Piñeiro, no quinto encontro das Mareas En Común.

2016-04 Marin - foto paneisAlí, decidiron poñer en marcha un momento constituínte que, de xeito público e participativo, permita impulsar a confluencia de todas as forzas do cambio de cara ás eleccións autonómicas. O proceso, chamado provisionalmente Marea Viva, fomentará a participación individual de todas as persoas interesadas en levar ás institucións galegas unha opción política que defenda os intereses do 99%, con ou sen adscrición partidaria. Servirá para deseñar, en común e entre todas, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.
Para decidir os detalles concretos, coma o regulamento deste momento constituínte, os seus prazos e o xeito de participar nel, creouse un grupo de traballo que xa está a funcionar nestes momentos. Presentarán os resultados do seu esforzo nunha vindeira xuntanza das Mareas En Común, que se celebrará en Sada en próximas datas, e na que se pechará definitivamente esta nova metodoloxía.
Ademais, o plenario das Mareas En Común aprobou o documento que reflicte os seus principios básicos, e que foi elaborado coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas mareas municipalistas. Baséanse na defensa dos dereitos humanos, na radicalidade democrática, na transparencia e na loita contra a corrupción. Tamén avogan pola feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación, e fan unha aposta por un modelo económico máis xusto. Inciden na defensa da lingua e a cultura galega, do ambiente e o benestar animal, e
na xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común. Finalmente, o documento aprobado reclama máis autogoberno para Galicia e unha mellor vertebración territorial.
Na xuntanza de Marín tamén foi aprobado o modelo de Organización Interna das Mareas en Común, baseado na participación individual e cunha estrutura simple e en rede, na que as persoas están no centro. A organización descansa en dous niveis, o local, no municipalismo que deu impulso a este proceso, e o nacional, onde se toman as decisións que afectan a toda Galicia, representado por plenarios coma o celebrado onte. Nun punto intermedio, ábrese a posibilidade de crear encontros comarcais aló onde sexa preciso, como lugares de colaboración, impulso territorial e elaboración de achegas propositivas, non de toma de decisións. A participación en calquera destes espazos será sempre individual, seguindo o principio de unha persoa, un voto.
O proceso das Mareas En Común saíu de Marín reforzado e con ilusión para seguir adiante e configurar unha opción de confluencia, que defenda os intereses da xente do común fronte ás políticas antisociais do Partido Popular. Desde a transparencia e a colaboración, desde a radicalidade democrática, as plataformas municipalistas animan a todas as persoas e organizacións interesadas en recuperar as institucións galegas para a cidadanía a sumarse a esta
iniciativa.

Te gusta? Compártelo!