Chamamento por unha confluencia cara ás Eleccións Xerais 2015

2015-08 Bandeira Galega normalBETANZOS NOVO, LUGONOVO, BOIRO NOVO e MAREA DE NOIA promoven un chamamento para convocar unha primeira xuntanza das Mareas municipalistas de cara a impulsar a MAREA GALEGA no entendemento de que deben ser as Mareas o motor principal e non os partidos políticos que se sumarían ao proceso máis adiante.

A reunión celebraríase en Compostela o próximo 13 de agosto.

Achegamos o texto do chamamento en arquivo adxunto.

Chamamento de LUGONOVO, BETANZOS NOVO, MAREA DE NOIA E BOIRO NOVO: Pola confluencia nas eleccións xerais.

Ao longo dos últimos meses fóronse configurando por todo o país procesos de unidade popular, diversos na súa morfoloxía, pero guiados por unha mesma idea: a construción colectiva de proxectos municipalistas nos que se integraran todas aquelas persoas que, desde distintas ópticas e militancias, alén dos nomes e as siglas, compartiran o desexo común de conquerir unha democracia real nos seus concellos, fomentando a participación cidadá, e políticas que garantiran unha vida digna para todas as persoas.

A ilusión que espertaron estes procesos reflectiuse nos resultados das eleccións municipais do pasado mes de maio. A cidadanía tomou nas súas mans o destino das súas vidas e foi quen de poñer sobre o mapa un novo actor político como motor principal do cambio.

Eses resultados significan, xa que logo, un reto e á vez unha responsabilidade. Os procesos, como tais procesos, nunca rematan, senón que entran en fases distintas. É evidente que as Eleccións Xerais que terán lugar apenas dentro duns meses requiren dunha resposta por parte dos novos axentes do cambio e que o reto, lonxe de constituír un problema, ten que se converter nunha oportunidade: a de ir máis alá dos límites dos nosos proxectos locais para ser quen de trasladar a marea do cambio, os principios inspiradores dos procesos de unidade popular municipais, ao escenario das Eleccións Xerais, sendo conscientes de que os métodos e as ferramentas terán que ser adaptados a un proceso dunha dimensión distinta.

As mareas, nome xa asentado entre a cidadanía para denominar colectivamente ao diverso entramado de procesos locais, somos a expresión política da cidadanía activa, e, como tal, estamos lexitimadas popularmente para exercermos de motor do proceso, proceso que, en todo caso, deberá recoller e respectar todas as sensibilidades das persoas e forzas políticas que aposten por esta vía e que deberá guiarse polas seguintes características:

1.  Un proceso destinado a acumular forzas para a ruptura democrática cos eixos dunha democracia radical, o dereito a decidilo todo e a construción dun novo modelo económico e social que garanta a dignidade das persoas.

2.  Un proceso no que o protagonismo ten que recaer na cidadanía, democrático e participativo, sen vitorias nen imposicións de parte.

3.  Un proceso que xere un espazo común, deixando a un lado as diferenzas e buscando o que nos une, un espazo que sexa expresión dunha confluencia real para artellar ferramentas que vaian máis alá da contenda electoral.

4. Un proceso con visión de Galicia como suxeito político.

Desde a humildade e co desexo de encetar un camiño que non vai ser doado, con este preámbulo facemos un CHAMAMENTO a todas as mareas e procesos de unidade popular a nivel municipal de Galicia para mantermos un primeiro encontro o día 13 DE AGOSTO en COMPOSTELA co fin de, sobre a base do exposto neste chamado, configurar un Grupo de Traballo, que recolla toda a pluralidade e diversidade que representamos e que teña como misión a de elaborar, en constante diálogo cos axentes interesados en participar, unha proposta de metodoloxía para concretar o proceso de unidade popular de cara ás Eleccións Xerais, como paso previo ao artellamento, no mes de setembro, da rede para levalo a cabo.

Te gusta? Compártelo!