Pleno 27 de Xullo do Concello de Betanzos: Mocións de Betanzos Novo

As mocións presentadas polo GRUPO MUNICIPAL DE BETANZOS NOVO foron aprobadas no Pleno da Corporación Municipal celebrado no día de onte.

A moción conxunta en defensa dos servizo público de limpeza.

Esta moción foi presentada conxuntamente polos grupos municipais de BETANZOS NOVO, BNG e CxG e aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación.

Ten por finalidade a defensa da xestión municipal dos servizos públicos e nomeadamente o servizo de limpeza. Compartimos plenamente as demandas das traballadoras municipais e do conxunto da cidadanía, na convicción de que é posible deter o deterioro dos servizos públicos e reafirmámonos no obxectivo de reverter a situación actual e incrementar a calidade dos servizos públicos como aspecto fundamental da defensa e incremento do benestar social.

A moción aprobada insta ao goberno municipal a manter o servizo de limpeza dos edificios públicos e do colexio Vales Villamarin e a xestión directa deste por parte do concello, como servizo público, e impedir que se externalice e privatice este servizo.

Asi mesmo, insta ao goberno municipal a que, de xeito inmediato e sen mais dilacións, cubra as baixas e xubilacións do servizo de limpeza mediante a contratación de persoal temporal, con plenas garantías de igualdade, mérito e capacidade.

A moción sobre transparencia

Esta moción foi aprobada por unanimidade.

Ten por finalidade que os responsables políticos se sometan ao escrutinio da cidadanía, de modo que as veciñas podan coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos e baixo que criterios actúans as institucións.

A moción aprobada iInsta ao goberno municipal a publicar de xeito inmediato na páxina web do concello de Betanzos toda a información relevante para garantir a transparencia da actuación municipal e, entre outras, o plan xeral de ordenación municipal, os orzamentos de ingresos e gastos, as contas públicas, os pregos de condicións administrativas e técnicas que rexen as concesións vixentes, as subvencións, as actas do Pleno da Corporación e da Xunta de Goberno Local, as cantidades percibidas con cargo aos fondos municipais polo alcalde e os concelleiros, e outros documentos.

Así mesmo, insta ao goberno municipal a elaborar a Ordenanza de transparencia e acceos da cidadanía á información no prazo máximo de dous meses.

A moción sobre medidas urxentes para conservar o patrimonio construído.

Esta moción de BETANZOS NOVO foi aprobada cos votos favorables dos grupos municipais de PSOE, BNG e Compromiso por Galicia.

Ten por finalidade adoptar urxentemente as medidas necesarias para evitar que continue o proceso de degradación e destrución do patrimonio histórico e cultural de Betanzos.

A moción aprobada insta ao goberno municipal a iniciar o procedemento de modificación do catálogo das vixentes Normas subsidiarias de planeamento municipal para incluir no catálogo, entre outros inmobles, a antiga fábrica da luz sita na avenida da Coruña, a antiga fábrica de curtidos no barrio da Magdalena e outros inmobles, para outorgarlles protección xurídica.

Tamén insta ao goberno municipal a elaborar a ordenanza de inspección técnica das edificacións no prazo de 2 meses.

Así mesmo, insta ao goberno municipal a levar a cabo a execución subsidiaria pola Administración, a custa do obrigado, da orde de reconstrución da emblemática “Casa Gótica” no casco histórico de Betanzos.

Te gusta? Compártelo!