PRINCIPIOS POLITICOS

  1. PRINCIPIOS POLÍTICOS

    BETANZOS NOVO nace como unha plataforma cidadán para promover unha candidatura de unidade popular capaz de gañar as próximas eleccións municipais e impulsar un cambio político democrático en Betanzos.

    Pretendemos recuperar a política para a xente común e construír unha ferramenta que poña de novo as institucións ao servizo da maioría social e do ben común que defenda os dereitos e as conquistas sociais fronte aos ataques das elites políticas e económicas, que protexa os recursos naturais, a biodiversidade e o noso patrimonio cultural.

    Queremos aglutinar as persoas que están fartas da corrupción política, económica e social, en definitiva, fartas de que a política estea dominada polo diñeiro.

    Para este cambio político necesitamos iniciar un proceso que implique a moita xente e que nos permita traballar a partir de obxectivos concretos. Este proceso non pode empezar cun programa electoral pechado. As propostas para transformar a cidade e as súas institucións teñen que ser elaboradas de xeito colectivo.

    Temos moi claro, en todo caso, algúns dos principios básicos que caracterizan o noso proxecto.

    1. Democratizar o Concello e decidir a cidade que queremos

    Propoñemos un modelo de goberno transparente e honesto, un modelo de participación cidadán real e efectiva, presidido polos valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade.

    Temos que conseguir que as institucións respondan á vontade da poboación e non aos intereses do diñeiro ou de gobernantes acostumados a traballar a porta pechada.

    O prerrequisito esencial para este cambio político reside no desaloxo da actual clase política. A primeira tarefa é pois acabar co bipartidismo turnista que nos goberna desde hai máis de 35 anos.

    Un control eficaz das institucións esixe información transparente e accesible e mecanismos de loita contra a corrupción. Os datos relevantes en mans das institucións teñen que ser de dominio público. Todas as persoas teñen que poder acceder a eles de xeito sinxelo.

    Queremos unha reforma integral dos mecanismos de participación cidadán para facelos efectivos. Cómpre un recoñecemento amplo das iniciativas e consultas cidadáns e das audiencias públicas. Todas as decisións que teñan un impacto substancial nos orzamentos, como as reformas urbanísticas ou os proxectos de grandes obras públicas, teñen que ser sometidas a consultas cidadáns vinculantes.

    O programa electoral de BETANZOS NOVO será elaborado mediante un proceso participativo e sometido a votación cidadán vinculante e os candidatos ás eleccións municipais serán seleccionados en eleccións primarias abertas á participación da cidadanía.

    2. Defender os dereitos básicos e unha vida digna para todos.

    Durante estes anos de crise estamos padecendo un deterioro e perda constante dos dereitos básicos e sociais que foran conquistados con tantos esforzos e sacrificios.

    A prioridade do goberno municipal debe ser a de poñer fin a semellante situación, empregando para iso todos os seus recursos e competencias, mesmo ampliando o marco de actuación destas e activando a interlocución con outras institucións públicas responsables, con especial atención á sanidade, a educación e a vivenda.

    Somos conscientes de que a recente reforma da lexislación de réxime local impulsada polo goberno do PP, na práctica se traduce no traspaso de competencias municipais ás deputacións provinciais e comunidades autónomas, baleirando de contido a autonomía municipal. Ou dito doutro xeito, trátase de desactivar o poder local do municipio, de impedirlle implementar políticas sociais avanzadas, obrigándolle a cumprir funcións limitadas á xestión administrativa.

    3. Impulsar unha economía con xustiza social e ambiental

    Nos últimos anos, os custes da crise concentráronse na xente do común, mentres que as políticas públicas beneficiaron aos lobbies financeiros, inmobiliarios e turísticos.

    Ademais, está provocando a destrución do noso patrimonio cultural e natural e xerando unha economía fortemente especulativa.

    Queremos reverter esta situación e promover unha economía social e sostible, ao servizo das xeracións presentes e futuras.

    A transición cara a unha economía social e ambientalmente xusta ten que ser vista como unha oportunidade de desenvolvemento e non como un obstáculo. A rehabilitación de vivendas; a construción con criterios de eficiencia enerxética; as enerxías renovables, a actividade agrícola; os servizos de coidados e de atención e apoio á dependencia, á xente

    maior e á infancia; o fomento de actividades culturais, poden ser fonte de ocupación digna e de vida saudable para todo o mundo.

    Queremos institucións que incorporen criterios sociais, ambientais e de calidade tanto na contratación como nas compras públicas.

    Queremos protexer o comercio de proximidade, impulsar o emprendemento social e o cooperativismo como elemento de identidade da nosa cidade e como maneira de xerar postos de traballo sostibles.

    Propoñemos unha auditoría cidadán da débeda municipal e un proceso participativo de elaboración dos orzamentos municipais.

    4. Xestionar o urbanismo en favor da maioría social.

    As perniciosas consecuencias do modelo urbanístico imperante en Betanzos son de todos coñecidas: encarecemento do prezo da vivenda, degradación do casco histórico, perda de valores paisaxísticos, ocupación das terras con mellores aptitudes naturais e agronómicas, indisciplina urbanística, encarecemento da prestación dos servizos públicos, deterioro da calidade dos espazos públicos, etc.

    Consideramos necesario elaborar un Plan xeral de ordenación municipal que substitúa ao planeamento urbanístico obsoleto. O proceso de elaboración e aprobación deberá garantir a participación real e efectiva dos veciños e, en todo caso, sometendo o plan a consulta popular vinculante.

    Tamén queremos establecer mecanismos participativos de avaliación, de control e de seguimento da execución do planeamento urbanístico.

    Consideramos prioritario promover a renovación e rexeneración do casco histórico de Betanzos e dos tecidos urbanos degradados, a recuperación de solos en desuso no interior do núcleo urbano e dos núcleos rurais, a rehabilitación e a reutilización do patrimonio construído.

    Queremos facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente para os xoves e os sectores máis vulnerables, mediante a creación dun parque público de vivendas en aluguer e a xestión do parque de vivendas desocupadas.

    Queremos aumentar a calidade urbana mediante o bo deseño urbano, en especial da rede de espazos e equipamentos públicos, e a recuperación da paisaxe e da identidade local.

    Consideramos necesario o exercicio efectivo da disciplina urbanística para asegurar a utilización racional do solo e a edificación de acordo coa ordenación urbanística, de modo imparcial, obxectivo, eficaz e universal.

    5. Compromiso ético coa cidadanía

    Non basta con propoñer novas políticas públicas. Fai falla un cambio substancial na maneira de facer política.

    Toda persoa que se converte en representante ten que ser controlada e sometida a límites. En caso contrario, queda demasiado exposta á presión dos poderes fácticos e se pode corromper con máis facilidade.

    Queremos que quen aspire a representarnos nas institucións asuma un compromiso ético vinculante. Este contrato entre a cidadanía e os representantes debe servir para acercar a política á xente e recuperar o seu sentido más nobre.

    Para evitar a profesionalización da política e para facilitar a implicación de xente diversa nas tarefas institucionais, creemos convinte establecer un límite temporal de dous mandatos para todos os cargos electos.

    Os representantes electos teñen que render contas ante a cidadanía e asegurar a transparencia da súa xestión pública.

    Queremos que os cargos electos expliquen as súas decisións políticas e as sometan a discusión. A cidadanía ten que dotarse de mecanismos para revogar aos representantes que incumpran o seu mandato sen ter que esperar a votar. Para facelo, hai que impulsar figuras como as consultas para a revogación de concelleiros e alcalde.

    Hai que poñer fin ás portas xiratorias no ámbito municipal. Durante un período de cinco anos non debe estar permitido acceder a cargos directivos de empresas vinculadas ao sector inmobiliario nin ao sector onde se ten desenvolvido a función representativa e, en ningún caso, aos consellos de administración.