PROGRAMA MUNICIPAIS 2015

BETANZOS NOVO nace como unha plataforma cidadán para promover unha candidatura de unidade popular capaz de gañar as próximas eleccións municipais e impulsar un cambio político democrático en Betanzos.

Pretendemos recuperar a política para a xente común e construír unha ferramenta que poña de novo as institucións ao servizo da maioría social e do ben común que defenda os dereitos e as conquistas sociais fronte aos ataques das elites políticas e económicas, que protexa os recursos naturais, a biodiversidade e o noso patrimonio cultural.

1. Democracia radical

BETANZOS NOVO propón un modelo de goberno transparente e honesto, un modelo de participación cidadán real e efectiva, presidido polos valores de liberdade, igualdade e fraternidade.

A democracia non pode limitarse aos procesos electorais senón que ten que atravesar todas as institucións para asegurarnos que son as e os betanceiros os destinatarios das súas accións.

Só así teremos unhas institucións ao servizo do ben común.

Temos que conseguir que as institucións respondan á vontade da poboación e non aos intereses do diñeiro ou de gobernantes acostumados a traballar a porta pechada.

O prerrequisito esencial para este cambio político reside no desaloxo da actual clase política. A primeira tarefa é pois acabar co bipartidismo turnista que nos goberna desde hai máis de 35 anos.

Un control eficaz das institucións esixe información transparente e accesible e mecanismos de loita contra a corrupción. Os datos relevantes en mans das institucións teñen que ser de dominio público. Todas as persoas teñen que poder acceder a eles de xeito sinxelo.

Queremos unha reforma integral dos mecanismos de participación cidadán para facelos efectivos. Todas as decisións que teñan un impacto substancial nos orzamentos, como as reformas urbanísticas ou os proxectos de grandes obras públicas, teñen que ser sometidas a consulta cidadán.

Transparencia

  • Publicación na páxina web de toda a información relevante de que dispoña a Administración, en todo caso, da seguinte: planeamento urbanístico, orzamentos de ingresos e gastos e contas públicas, contratos por importe superior a 3.000 euros, convenios, facturas, regulamentos e Ordenanzas, relación de postos de traballo, subvencións concedidas, convocatorias e actas das sesións do Pleno da Corporación, da Xunta de Goberno e das Comisións Informativas, proxectos de obras públicas, sentenzas xudiciais.

  • Asembleas abertas á cidadanía na que os responsables políticos municipais informen cumpridamente dos obxectivos e do contido dos plans e proxectos relevantes, nas distintas fases de elaboración e de execución.

Participación cidadán

  • Facilitar a presentación de iniciativas cidadáns para seren debatidas no Pleno da Corporación. A proposta poderá ser defendida ante o Pleno por un representante dos promotores da iniciativa.

  • Elaboración dos orzamentos municipais cunha porcentaxe reservada á participación directa dos veciños para determinar as principais necesidades e incluír as oportunas previsións no orzamento anual do municipio, priorizando as máis importantes e realizando un seguimento dos compromisos acadados.

  • Garantir aos veciños e asociacións o acceso aos medios municipais de uso xeral sen mais limitacións que as impostas polo espazo e o tempo dispoñible.

  • Todas as decisións que teñan un impacto substancial nos orzamentos, como os proxectos de obras públicas, así como as recualificacións urbanísticas deben ser sometidas a consulta cidadán.

Rendición de contas

  • Auditoría cidadán da débeda municipal

  • Establecer mecanismos de reprobación ou revogación de calquera cargo electo (alcalde ou concelleiro) en votación cidadán, por causa de incumprimento grave do programa electoral ou do código ético.

Autonomía municipal

  • Reclamar a reforma da lexislación de réxime local que garanta a democracia municipal e atribúa aos concellos competencias e recursos suficientes para poder levar a cabo políticas públicas en favor da xente.

  • Reforma da administración pública con suxeición aos principios de eficacia, eficiencia, obxectividade, imparcialidade e transparencia.

 Políticas sociais

Durante estes anos de crise estamos padecendo un deterioro e perda constante dos dereitos básicos e sociais que foran conquistados con tantos esforzos e sacrificios.

A prioridade do goberno municipal debe ser a de poñer fin a semellante situación, empregando para iso todos os seus recursos e competencias, mesmo ampliando o marco de actuación destas e activando a interlocución con outras institucións públicas responsables, con especial atención á sanidade, a educación e a vivenda.

Somos conscientes de que a recente reforma da lexislación de réxime local impulsada polo goberno do PP, na práctica se traduce no traspaso de competencias municipais ás deputacións provinciais e comunidades autónomas, baleirando de contido a autonomía municipal. Ou dito doutro xeito, trátase de desactivar o poder local do municipio, de impedirlle implementar políticas sociais avanzadas, obrigándolle a cumprir funcións limitadas á xestión administrativa.

  • Municipalización dos servizos públicos (abastecemento de auga, saneamento, recollida de lixo, piscina municipal), cando sexa posible, ou recuperación do control sobre os servizos públicos xestionados en réxime de concesión administrativa mediante a creación de órganos de control coa participación dos veciños e usuarios, para garantir a calidade e o acceso universal destes servizos pola cidadanía.

  • Favorecer iniciativas de voluntariado tendo en conta o tecido asociativo. Estas iniciativas en ningún caso substituirán postos de traballo.

  • Poñer en marcha un programa de coordinación entre os servizos sociais municipais, os sistemas de saúde e educación e o tecido social, de cara á detección e acompañamento das situacións de risco de exclusión social.

  • Promover actividades específicas para o colectivo de persoas con diversidade funcional.

  • Garantir o principio de igualdade de xénero en cada unha das políticas, programas e accións que se deseñen no concello de Betanzos.

  • Crear un Consello Cidadán de Igualdade que actúe como observatorio da situación da muller e impulse programas específicos para promover a igualdade de xénero.

  • Elaborar programas específicos de deporte extraescolar e unha nova regulación do uso deportivo dos espazos públicos

  • Crear un Consello da Xuventude para promover a participación dos xovenes betanceiros e betanceiros no deseño das políticas que lles afecten.

    3. Medio Ambiente

Nun planeta finito como é a Terra, non pode haber crecemento infinito. O teito do petróleo mais o cambio climático fan urxente que cuestionemos os nosos modos de vida e a nosa relación co planeta que nos acolle.

Urxe que adaptemos medidas da adaptación a un contexto novo, sobre o que aínda non temos toda a información. Estes cambios esixen, en primeiro lugar, CONCIENCIA E PARTICIPACIÓN. Os cambios deben emerxer do conxunto da cidadanía, dende a comprensión do mundo e a construción dun novo consenso. E as políticas municipais poden e deben artellar mecanismos de reflexión e participación que axuden a impulsar o cambio.

Estes cambios esixen UNHA NOVA RELACIÓN CO PLANETA, baseada na idea de que a Terra non é nosa, se que nos somos da Terra. E as políticas municipais deben artellar na medida do posible a soberanía alimentaria, o transporte colectivo, o mantemento de reservas de terra agrícola fronte á especulación, a conservación e mellora do patrimonio natural e favorecer a emerxencia dun novo paradigma de vida baseado nos valores de proximidade e sencillez.

Estes valores impregnan todas as políticas do noso programa de goberno e inspiran boa parte das medidas das políticas de urbanismo e ordenación do territorio, de cultura e de impulso económico con xustiza social e ambiental.

  1. 4. Novo modelo urbanístico e de ordenación do territorio

As consecuencias do modelo urbanístico imperante en Betanzos nos últimos vinte anos son de todos coñecidas: abandono e degradación do casco histórico, perda de valores culturais e paisaxísticos, encarecemento dos servizos públicos, degradación da calidade dos espazos públicos, especulación inmobiliaria, indisciplina urbanística, etc. .

Betanzos Novo propón un cambio de modelo urbanístico baseado na rexeneración da cidade construída para conseguir un alto nivel de habitabilidade e calidade ambiental para as e os betanceiros e garantir o acceso ao uso dunha vivenda digna.

Plan xeral de ordenación municipal

  • Impulsar un Plan xeral de ordenación municipal de Betanzos cos seguintes eixos estratéxicos:

    • Promover a renovación e rexeneración dos espazos urbanos e dos núcleos rurais degradados ou abandonados e a rehabilitación e a reutilización do patrimonio construído

    • Preservar o solo rústico, en especial os espazos que conforman unha paisaxe cultural identitaria, os espazos necesarios para garantir a soberanía alimentaria, os que cumpran funcións de protección do solo fronte a erosión, de regulación do réxime hidrolóxico ou de conservación da biodiversidade. Protexer as terras agrarias de calidade dos procesos urbanizadores.

    • Mellorar a calidade e a xestión das dotacións públicas existentes, resolvendo o actual déficit de zonas verdes e espazos libres públicos, as deficiencias detectadas nas infraestruturas do ciclo da auga e os problemas de mobilidade urbana.

    • Rehabilitar o antigo edificio de Fenosa na Ponte Nova e crear un espazo urbano de calidade “campus” destinado ao ensino, a cultura e o deporte.

Casco Histórico

  • Impulsar un PLAN DE REXENERACIÓN INTEGRAL DO CASCO HISTÓRICO con medidas económicas, sociais e ambientais, ademais das propiamente urbanísticas, para poñer en valor o noso patrimonio. Os eixos estratéxicos deste plan serán:

    • Recuperar o uso residencial: rehabilitar vivendas para mellorar as condicións de habitabilidade, crear un parque público de vivenda para aluguer, xestionar o stock de vivendas baleiras e sen uso.

    • Impulsar as actividades económicas: fomentar o pequeno comercio de produtos locais, o turismo de calidade, os obradoiros artesanais e outros, xestionar o stock de locais de negocio desocupados e rehabilitalos para o seu posterior alugamento a emprendedores que desen abrir os seus negocios no Casco Histórico

    • Recuperar o patrimonio construído: rehabilitar as edificacións en estado de ruína, mellorar os espazos públicos e renovar o mobiliario urbano, garantir a accesibilidade universal, aprobar unha ordenanza específica para mellorar a calidade ambiental e paisaxística do Casco Histórico.

  • Revisar o Plan especial de protección e ordenación do Casco Histórico aprobado no ano 1992 que quedou totalmente obsoleto

Control democrático

  • Establecer os mecanismos necesarios para o control, avaliación e seguimento da execución do planeamento urbanístico, garantindo en todo caso a participación cidadán.

  • Impulsar o exercicio das potestades de disciplina urbanística de modo eficaz, imparcial, obxectivo e universal.

Mobilidade

  • Reclamar o servizo de cercanías de RENFE que una as cidades de Ferrol e A Coruña, con parada en Betanzos.

  • Plan de Mobilidade Urbana Sustentable dando prioridade aos peóns, as bicicletas, ao transporte colectivo e á carga e descarga de mercancías.

  • Mellorar a accesibilidade urbana para persoas con diversidade funcional e potenciar a habitabilidade da cidade.

Vivenda

  • Crear un parque público de vivendas en aluguer para facilitar o acceso a unha vivenda digna en particular aos xoves e aos sectores da poboación máis vulnerables

  • Elaborar un Plan municipal de vivendas, que recolla o diagnóstico do estado da vivenda en Betanzos, das vivendas deshabitadas, as que necesitan ser rehabilitadas, as infravivendas, a demanda municipal de vivenda e fomentar a rehabilitación e a ocupación de vivendas desocupadas e sen uso.

Inserción no territorio

  • Potenciar o papel de Betanzos como capital da comarca de Betanzos e como núcleo urbano referente da Rexión Urbana Ártabra e da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

  • Abrir Betanzos ao Mar mediante un Plan de recuperación integral da ría de Betanzos que incorpore medidas ambientais, paisaxísticas, urbanísticas, culturais, turísticas, sociais e outras.

  • Plan de rexeneración das Fragas do Mandeo e do Mendo que inclúa a recuperación dos camiños tradicionais aos Caneiros e a Chelo.

    5. Cultura

A cultura é fundamental para unha sociedade plenamente democrática, crítica, próspera, xusta, intelixente e tolerante.

  • Plan de normalización do uso da lingua galega

  • Poñer en valor o noso patrimonio cultural, material e inmaterial

  • Mellorar e ampliar a oferta das bibliotecas públicas e salas de estudo

  • Crear unha Universidade Popular coa finalidade de promover a participación, a educación, a formación e a cultura para mellorar a calidade de vida das persoas e da comunidade. Promovería iniciativas culturais en colaboración coa Universidade da Coruña, coa comunidade escolar e con outros colectivos culturais e artísticos.

  • Apoiar a creatividade, á innovación, ao talento creativo e aos procesos culturais que se desenvolvan á marxe das demandas de mercado

  • Apoiar á comunidade escolar e as asociacións de mais e pais de alumnos. Reivindicar a transformación do novo aulario en colexio de educación infantil.

    6. Economía con xustiza social e ambiental.

A actuación do Concello de Betanzos tenderá a:

  • Camiñar cara á sustentabilidade económica, incorporando criterios sociais, ambientais e de calidade tanto na súa actuación como nas contratacións ou compras que realice.

  • Impulsar o emprendemento social e o cooperativismo como elementos de identidade da nosa cidade e como maneira de xerar postos de traballo sostibles. Especial atención ao pequeno comercio e aos produtores locais.

  • Fomentar a toma de decisións consensuadas cos axentes sociais para o que se promoverá o asociacionismo e a autoorganización dos diferentes sectores económicos e sociais da vila.

SECTORES DE ESPECIAL ATENCIÓN ECONÓMICA:

Turismo

  • A oferta turística debe integrar todos os recursos locais, ecolóxicos, culturais, monumentais, artísticos, gastronómicos, folclóricos, etc., e abrirse desde o local ao contexto temporal e aos espazos territoriais comarcais e rexionais próximos, dimensionando os aspectos temporais para reducir ou eliminar a estacionalidade.

  • Crear un Consello de asesoramento do sector como vía de posta en contacto a todos os axentes entre eles e aportar ideas para o desenvolvemento do sector a nivel local

  • Dinamizar a Oficina de Turismo como base da creación de políticas turísticas tentando coordinar a política turística de Betanzos cos dos Concellos da Bisbarra e analizar casos similares a nivel europeo para a implementación da política turística.

  • Ampliación e consolidación da Feira Medieval como escaparate de Betanzos, recuperándoa para os betanceiros.

  • Fomento do enoturismo e turismo gastronómico.

  • Turismo medioambiental como referencia.

Novas Tecnoloxías

  • E un obxectivo estratéxico para a vila de Betanzos ter presente que as novas tecnoloxías son un instrumento fundamenta para acadar o obxectivos marcados. Para ilo dinamizarase dende a oficina municipal de novas tecnoloxías a implementación de medidas contratadas noutros lugares en Betanzos así como a cooperación cos axentes mais cercanos (empresas do sector e Universidade).

  • Implantación física de tecnoloxía web de calidade (cabo, redes wifi abertas, etc…) en todo o Concello, con especial atención á zona vella.

Soberanía alimentaria

  • En BETANZOS NOVO entendemos o concepto de soberanía alimentaria nun sentido amplo como unha vía de preeminencia da produción local versus a agricultura industrial. Entendemos que Betanzos e a súa bisbarra ten que poñer en valor a súa riqueza agraria sen esquecer os novos tempos e tecnoloxías e todo ilo dende unha óptica comarcal.

  • Fomentar o Cooperativismo entre os produtores como vía de compartir custos e superar eivas de comercialización.

  • Posibilidade da Creación dun banco de Terras dinamizado polo propio Concello para a posta a disposición dos produtores de terreos de explotación

  • Promover a creación dun ente certificador dos produtos de horta e froita do Concello e Bisbarra de Betanzos e apoiar a certificación ecolóxica dos produtos agrícolas.

  • Potenciación das canles de intercambio locais cun papel activo do Concello.

Comercio

  • Betanzos ten un peso indubidable como punto de intercambio comercial moi superior ao tamaño da súa economía municipal ao actuar como cabeceira dunha ampla zona que ven na nosa vila o punto de referencia no intre de facer compras. A política municipal ten que tender a consolidar e fomentar este papel que crea ademais sinerxias con outros obxectivos.

  • Apoio á autoorganización de todos os comerciantes e restauradores, apoiando as iniciativas dos mesmos.

  • Facilitación da inmersión en novas tecnoloxías dos comerciantes como vía de ampliación dos canais de venta dos seus produtos.

Cultura

  • Betanzos, polo seu peso histórico e cultural, así como polas súas infraestruturas neste eido debe fixarse como obxectivo converterse nun punto de referencia no eixo A Coruña – Ferrol para a industria da creación cultural. Deste xeito creamos unha imaxe de marca da vila relacionada coa cultura, apoiándonos nas institucións culturais e educativas existentes.

  • Apoiar a centralización en Betanzos de iniciativas e sociedades desta índole a traveso dos niños de empresas do eixo Ártabro, apoiando a constitución de cooperativas neste eido.

  • Creación do “campus” cultural e formativo poñendo en relación os IES da vila, o CIEC, Conservatorio, outras iniciativas formativas particulares e a cercanía á Universidade da Coruña e a centros de impartición de terceiro ciclo na área ártabra.

  • Promover Betanzos como núcleo das actividades formativas para os traballadores dos polígonos dos arredores poñendo en relación a todos os axentes sociais.

INSTRUMENTOS

  • Oficina Económica: Baseada nos Axentes de Desenvolvemento Local, ten que ser un punto de referencia para cada persoa ou empresa que teña unha dúbida ou necesidade a nivel económico ou administrativo poida dirixirse para recoller información, realizar estudios de viabilidade e posta en coñecemento con outros axentes.

  • Creación de dous niños de empresas en espacios municipais mediante a reordenación do uso dos distintos espazos propiedade do Concello, un deles enfocado ás novas tecnoloxías. O Concello apoiaría a un custo cercano a cero a novas iniciativas coa dotación de espacio de traballo, subminístros básicos -luz, auga, internet- e cunha pequena subvención para gastos de administración nos termos que se estime, durante un tempo prudencia.

  • Oficina de Novas Tecnoloxías. Baseada na Aula de Informática ocuparase da implementación das políticas de Novas Tecnoloxías do Concello, estendendo ditas tecnoloxías a toda a vila.

  • Fomento da creación de empresas para a realización dos obxectivos marcados, especialmente coa figura cooperativa mais non se renunciará a outros tipos de sociedade en caso de ser mais áxiles, abrindo a posibilidade a que o concello apoie como participante nas mesmas.