MANIFESTO FUNDACIONAL 2014

2014-10 Manifesto POR UN BETANZOS NOVOPOR UN BETANZOS NOVO

Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer desta vila, Betanzos, un lugar jdigno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.

Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.

Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, solidariedade e liberdade.

Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.

Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.

e temos que entendernos

Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír ningún partido nin ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.

A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.

A nosa proposta

Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:

  • Promover e alentar unha candidatura de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.

  • Promover e alentar unha candidatura cidadán plural a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel betanceiro.

Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e dos intereses dos betanceiros, para, en primeiro lugar, desaloxar a corrupción e poñer os concellos ao servizo dos cidadáns

Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Betanzos precisa con urxencia.

BETANZOS, A 23/10/2014