PROPOSTAS

BASES REGULADORAS DO PROCESO PARTICIPATIVO DE ELABORACIÓN

DO PROGRAMA ELECTORAL

  1. Elaboración do borrador inicial

O borrador inicial do programa electoral será elaborado nos seguintes obradoiros de participación cidadán:

  • Obradoiro 1: Para democratizar o Concello e decidir a cidade que queremos

  • Obradoiro 2: Para defender os dereitos básicos e unha vida digna para todas as persoas

  • Obradoiro 3: Para impulsar unha economía social e ambientalmente máis xusta

  • Obradoiro 4: Para xestionar o territorio e o urbanismo en favor da maioría social

  • Obradoiro 5: Compromiso ético

Estes obradoiros estarán abertos á participación de toda a cidadanía para que calquera poda achegar as súas opinións e propostas, sexa de modo presencial asistindo persoalmente aos obradoiros ou sexa a través dos medios telemáticos que se habiliten para o efecto.

O traballo en cada obradoiro consistirá en recompilar a información relevante e as demandas da cidadanía e das organizacións sociais de Betanzos, analizar e debater sobre todas as propostas presentadas e elaborar un catálogo coas propostas que se considere oportuno incorporar ao borrador de programa electoral.

En todo caso, o borrador deberá ser coherente co MANIFESTO POR UN BETANZOS NOVO e cos PRINCIPIOS POLÍTICOS DE BETANZOS NOVO, aprobados pola asemblea.

  1. Presentación de propostas alternativas

Unha vez concluídos os traballos de elaboración do borrador de programa electoral abrirase un prazo de 20 días para que calquera cidadán poda achegar novas propostas alternativas.

  1. Avaliación das propostas pola Asemblea Cidadán

O borrador de programa electoral elaborado nos obradoiros de participación cidadán e as propostas alternativas presentadas polos cidadáns serán sometidas a debate e avaliación da asemblea cidadán que adoptará algún dos seguintes acordos:

  • Aprobar a proposta por maioría cualificada dos 2/3 dos presentes na votación; a proposta aprobada pasará entón a integrarse no contido do programa electoral definitivo.

  • Someter a proposta a votación cidadán.

  • Rexeitar definitivamente a proposta por considerala incompatible co MANIFESTO POR UN BETANZOS NOVO ou cos PRINCIPIOS POLÍTICOS DE BETANZOS NOVO

  1. Votación cidadán

Poderán participar na votación os maiores de 16 anos que sexan naturais ou veciños de Betanzos, ou activistas de BETANZOS NOVO.

A votación realizarase por correo electrónico, durante o prazo de 4 días ou de modo presencial en mesa electoral no último día.

Cada cidadán poderá outorgar o seu voto a un máximo de 15 propostas.

  1. Programa electoral definitivo

O programa definitivo quedará conformado polas propostas aprobadas por consenso na Asemblea Cidadán e as 15 propostas máis votadas na votación cidadán.